Este centro é o de Redondela, concretamente na parroquia de Cesantes, ó ladiño do porto. Ata el imos tódalas mañáns e tardes, para ver os mariñeiros, a xente que se achega a pescar, e a vidiña da zona. O que mais destacamos das instalacións son a terraza, con magníficas vistas á ría, á ponte de Rande e á illa de San Simón. Tamén temos un xardín enorme, cunha hortiña que estamos a traballar arreo para darlle a maior utilidade posible, xa que nos gusta moito estar fóra e, xa de paso, falar cos veciños.O recinto interior do centro é amplio e luminoso e estamos traballando arreo para darlle un aspecto máis persoal e fogareño a moitos rincóns... neso axudamos todos, e quen máis o desfruta son os que viven aquí.

De luns a venres, xuntámonos algo máis de 40 persoas, así que hai actividades para tódolos gustos e horarios. Como o tempo polas Rías Baixas nos acompaña, primaveira e verán, saímos seguido, calquera desculpa nos vale: a feira, actividades no multiusos, cafés, alameda, praia, o tren turístico e ata o barco! O caso é ir coñecendo a vila, pasalo ben e mover a cabeciña e o corpo!